*** BLOG DE LA SECCIÓN SINDICAL DE CGT EN ATENTO CORUÑA ***

signbot

jueves, 3 de mayo de 2012

Nota de prensa do Comité de empresa

O COMITÉ DE EMPRESA DEMANDA A ATENTO POLAS REDUCIÓNS DE XORNADA APLICADAS A PRETO DE 180 TRABALLADORES NA CORUÑA

O 2 de maio tivo lugar o preceptivo acto de conciliación entre Atento (filial de Telefónica) e o comité de empresa, motivado polas reducións de xornada que a empresa aplicou a principios de abril a preto de 180 traballadores do servizo técnico de banda ancha de Telefónica (CAT ADSL-1002). Recordamos que Atento reduciu inxustificada e unilateralmente as xornadas dos traballadores afectados ata en 5 horas semanais, o que equivale a unha baixada salarial duns cen euros ao mes nuns salarios que roldan os 800 euros mensuais.
O comité de empresa volveu esixir a retirada da medida a Atento por tratarse de reducións inxustificadas e, en calquera caso, evitables; de novo Atento non quixo chegar a acordo, co que o mesmo día a representación legal dos traballadores interpuxo demanda de conflito colectivo reclamando a nulidade das reducións de xornada.
O comité de empresa denuncia unha vez máis a prepotencia da que fan gala Telefónica e Atento cando se trata de agredir e recortar os dereitos dos seus traballadores. Nesta ocasión non lles abondou con reducir innecesariamente as nosas condicións laborais, senón que aínda foron máis lonxe ríndose de nós: xusto unha semana antes do acto de conciliación polo conflito das reducións de xornada, Atento decide anunciar e celebrar ao grande no seu centro de traballo da Coruña a consecución dun novo galardón empresarial (Great Place to Work)
. Para o comité de empresa este tipo de premios á "excelencia empresarial" non son máis que un artificioso xeito de vender unha imaxe corporativa ideal diametralmente oposta á realidade laboral dos traballadores, que nesta empresa -como en todas as do sector- raia a escravitude. Unha mostra diso encontrámola en varias avaliacións de riscos psicosociais que se realizaron entre o equipo e que evidencian unha nociva carga mental no traballo. Aínda que é patente que as nosas condicións seguen empeorando, Telefónica e Atento nada fan para palialo; moi ao contrario: seguen fomentando a explotación e conflitividade laborais e optando por que sexan os xulgados os que ditaminen as consecuencias dos seus atropelos.

No hay comentarios: