*** BLOG DE LA SECCIÓN SINDICAL DE CGT EN ATENTO CORUÑA ***

signbot

lunes, 17 de enero de 2011

27 Xaneiro: CGT-Galicia convoca Folga Xeral

O 15 de xaneiro, a CGT presentou ante as autoridades e a representación patronal a convocatoria formal de folga xeral en Galicia para o próximo día 27 de xaneiro.
A Confederación Xeral do Traballo (CGT) fai un chamamento a clase traballadora e a toda sociedade galega para que o día 27 de xaneiro faga folga e participe nas mobilizacións que se anuncien nas principais cidades de Galicia, dispoñéndose a defender os dereitos laborais, económicos e sociais dos traballadores e traballadoras fronte as agresións que estamos a sofrir polas políticas antisociais do goberno e do parlamento e para impoñer a derrogación da Reforma Laboral e deter a inminente ameaza sobre o sistema público de pensións e xubilacións.
O resultado desta noxenta política gubernamental está a vista do máis cego: Máis de catro millóns de persoas se atopan en paro e un millón douscentos mil delas non perciben ningunha prestación, condeadas a malvivir na sobre-explotación da economía sumerxida o na exclusión social máis absoluta. Máis de medio millón malviven con 426 euros. 11 millóns de traballadores e traballadoras teñen rendas anuais inferiores aos 9000 euros. O 68% dos máis de 8 millóns de pensionistas teñen unha pensión anual que non chega ao Salario Mínimo Interprofesional. O 20% da poboación española vive na pobreza, ata o extremo de que o ano pasado máis dun millón de persoas tiveron que ser alimentadas nos comedores da caridade pública.
¿Podemos tolerar esta situación e que ainda empeore?
A CGT considera que non, que non a podemos tolerar, que non a imos tolerar e que está nas mans de todos nos, dos traballadores e traballadoras, cambiala.
Esta convocatoria de Folga ten lugar nunha data decisiva no proceso de movilización social que vimos levando a cabo nos últimos meses dende a CGT contra as medidas antisociais do goberno, pois o día 28 de xaneiro o goberno pretende presentar no parlamento a súa vontade de saquear o sistema público de pensións en favor dos banqueiros e os plans de pensión privados.
O éxito da xornada de folga do día 27, como ocurríu coa do 29 de setembro de 2010, dará pulo aos que, como a CGT, consideramos que o día seguinte temos que comezar a planificar as novas acción que permitan que todos xuntos deteñamos as políticas antiobreiras do actual goberno. Tamén o éxito desta folga é a garantía de que se evitará o entreguismo do sindicalismo oficial cando pretendan negociar dereitos laborais por subvencións, tal e como xa están a facer.
Só unha mobilización xeral, ampla e firmemente levada a cabo pola clase traballadora conseguirá acadar as reivindicacións plantexadas nesta folga:
− Esixir traballo para todos.
− Impoñer a derrogación da Reforma Laboral.
− Deter a ameaza sobre o sistema público de pensións e xubilacións.
A CGT de Galicia fai un chamamento a todos e traballadores e traballadoras para que participen activamente na Folga Xeral do próximo 27 de xaneiro, así como nas mobilizacións que se vaian convocando en defensa dos dereitos laborais e contra as políticas antiobreiras do goberno.

Comité Confederal da CGT de Galicia

No hay comentarios: