Unha vez máis estamos na rúa para protestar pola insostible
situación actual. Lonxe de arranxar os problemas da poboación, os
gobernantes seguen aplicando medidas de recortes que afectan
directamente ás persoas máis indefensas, empobrecendo duramente á clase
traballadora, a este pobo espremido, explotado e vítima das súas
falcatruadas.
Xa non imos contar os millóns de persoas que están no paro, nin as
familias nas que todos están sen traballo, nin as persoas que perderon
as súas vivendas, nin os que viron recortados os seus salarios e
dereitos, nin os que teñen que vivir da beneficencia… Basta xa de
estatísticas da miseria e da precariedade. Hoxe vimos a dicirlles aos
poderosos que isto non vai continuar así, que non imos aturar que nos
leven á ruína e á miseria, que non imos aceptar as súas mentiras e que a
cada novo roubo e a cada agresión nos van ter enfronte.
Qué podemos dicir dos banqueiros, ladróns legais, que levan anos
sometendo á poboación aos seus ditados e que agora temos que salvar
entre todos? Milleiros de millóns de euros volatilizados e agora témolos
que pagar nós!
Qué dicir dos políticos, lacaios do capital máis cobizoso, sempre
dispostos a lexislar a favor dos poderosos, sempre co cazo na man… e
sempre prestos a facer que o pobo sufra no seu lombo as consecuencias
das súas vidas de luxo?
Qué falar dos pobres empresarios?, sempre listos a apertar un pouco
máis as torcas aos traballadores e traballadoras, sempre queixándose dos
salarios que pagan –por moi miserentos que sexan- , sempre tangando nas
vacacións, sempre chourizando nos horarios, e sempre rápidos a recibir
subvencións para chuchar da ubre do Estado!
Cómo nos imos esquecer dos xuíces, sempre dispostos a castigar ao que
se rebela, ao que se resiste, ao que discrepa, ao que loita, e sempre
comprensivos co sufrimento dos ricos, dos especuladores, dos dirixentes,
dos políticos!
Non imos seguir así. A clase obreira non vai permitir que a pisen sen
chiar. Imos acabar cos estes políticos mentiráns, con estes patróns
negreiros, con estes banqueiros ladróns e con estes xuíces
prevaricadores. A clase obreira seguirá loitando pola defensa dos seus
dereitos e non permitiremos que catro voitres preeiros sigan
aproveitándose de nós.
Non deterán esta loita co brutal aumento da represión. Prisión,
multas e detencións por participar nunha folga, por exercer a liberdade
de expresión ou de reunión; en definitiva, por discrepar do pensamento
dominante e por rebelarse contra este sistema inxusto.
A CGT non abandonará a súa loita a prol dos nosos dereitos de clase e
continuará esixindo a derrogación da reforma laboral e de todos os
recortes nos servizos públicos e nos gastos sociais.
Compañeiras e compañeiros: Viva a loita da clase obreira!
No hay comentarios:
Publicar un comentario