Compañeiras e compañeiros:
O Primeiro de Maio lembramos a loita de millóns de homes e mulleres que ao longo da historia defenderon a dignidade e os dereitos da clase obreira.
Lembramos a loita que levou á morte a cinco traballadores anarquistas en Chicago en 1886 por reclamaren a xornada de 8 horas.
Dende aqueles días ata hoxe, moitas foron as conquistas que temos arrancado á voracidade do capital e dos gobernos. Pero hoxe estas conquistas están sendo atacadas e perigan os dereitos que tanta loita, tantas vidas teñen costado.
Este capitalismo do século XXI, acadado o seu máximo nivel de desenvolvemento e globalización, aperta aínda máis a soga arredor dos nosos pescozos e incrementa os niveis de explotación, tentando facernos regresar a condicións de escravitude.
A última Reforma Laboral deixa o salario, a xornada, a seguridade, a mobilidade, as tarefas a desenvolver ao libre arbitrio egoísta do patrón.
Estannos a roubar o dereito a unha pensión digna, á estabilidade no emprego, a unhas condicións dignas de traballo e de vida, … mentres privatizan os servizos públicos e recortan os gastos sociais e converten o acceso á educación nun privilexio.
As últimas medidas de recorte atacan de novo aos sectores máis empobrecidos da poboación: limitan o acceso ás medicinas ao incrementar o seu prezo, deixan sen cobertura sanitaria aos estudantes ou traballadores que buscan o seu primeiro emprego se teñen máis de 26 anos, aos inmigrantes sen papeis, obrigan a pagar o transporte ás persoas que necesitan rehabilitación ou coidados especiais...
As cifras do paro son arrepiantes: case seis millóns non teñen emprego –preto de 300.000 en Galicia, 100.000 na Coruña- e 1.700.000 familias teñen todos os seus membros en paro, mentres o goberno segue cargando a crise sobre as nosas costas e recortando dereitos.
Ninguén nos ten regalado graciosamente estes dereitos, tivémolos que pelexar. E agora é de novo tempo de loita.
Por tal motivo, a CGT convocou e participou activamente en tres folgas xerais en Galicia en pouco mais dun ano, porque entendemos que a mobilización é o único camiño para recuperar o que nos teñen roubado utilizando como escusa unha crise económica provocada polos ricos e os poderosos.
Por iso, seguimos e debemos seguir a loitar nas factorías, nos centros de traballo, nas rúas, … porque temos que recuperar os dereitos que nos teñen sido arrebatados.
Temos que impedir que unha caterva de millonarios sen escrúpulos nos manipulen, nos humillen e nos exploten.
Pero non vai a ser sinxela esta loita. Son estes tempos duros e aínda o serán máis. Xa levan tempo preparándose para a represión contra o movemento obreiro e contra toda persoa ou colectivo que non se axuste as súas directrices e trate de combater a súa opresión.
Así, a compañeira Laura da CGT de Barcelona segue na cadea tras ser detida inxustamente pola súa participación na folga xeral, igual que outros traballadores e traballadoras que teñen expresado claramente que non están dispostos a seguir aturando os seus abusos, a súa explotación.
Só mediante a solidariedade e a axuda mutua lograremos vencer a súa represión. Esiximos a posta en liberdade de tódolos traballadores e traballadoras en prisión por defender a súa dignidade, a nosa dignidade. Nestes tempos é preciso, que os traballadores e traballadoras nos agrupemos, nas asociacións de traballadores que, como a CGT, constitúen os instrumentos de defensa da clase obreira para loitar polas súas condicións de traballo, polas súas condicións de vida, preparando o camiño para ocupar o noso lugar na historia, para construírmos, sobre as ruínas deste sistema capitalista fracasado, un mundo novo de liberdade, igualdade e xustiza social.
Viva a loita da clase obreira!!
Viva o primeiro de maio!!
Viva o comunismo libertario!!